Noticias

Miguel Franqueiro Becerra

O DIRECTOR DA BANDA DE MÚSICA DE SOBER TOCARÁ COA ORCHESTRA DEL TEATRO REGIO DE TORINO

 Miguel Franqueiro Becerra interpretará a Verdi na ópera ‘I Lombardi alla prima crociata’
O Goberno local congratúlase de que o músico vaia facer este programa cunha das orquestras ‘Top’ de Italia.

O director da Banda de Música de Sober, Miguel Franqueiro Becerra, tocará este mes en Italia coa Orchestra del Teatro Regio de Torino. O tuba interpretará a Verdi na ópera ‘I Lombardi alla prima crociata’.

O músico, natural de Boqueixón, tocará cunha das orquestras ‘Top’ italianas, unha das formacións de referencia da ópera a nivel mundial. En total participará en sete funcións neste mes de abril, a primeira delas o día 17 e a última o sábado día 28 de abril.

Franqueiro agradece poder participar neste programa que lle vai permitir “facer ópera no berce da ópera”. O músico está primeiro na lista de contratación da orquestra desde o ano 2017, cando fixo unha audición para cubrir o posto de principal reforzo de tuba.

O tuba é director da Banda de Música de Sober desde hai 12 anos. Desde 2015 colabora na totalidade da programación da Real Filharmonía de Galicia e da Hulencourt Soloists Chamber Orchestra (Bruxelas) ademais de colaborar frecuentemente con outras orquestras, tanto en España como fóra.

O Concello felicita ao músico

O Goberno local do Concello de Sober felicita a Miguel Franqueiro por esta proxección internacional e congratúlase porque siga levando o nome de Sober a espazos tan importantes no mundo da música. O Teatro Regio de Torino foi fundado por Arturo Toscanini, músico italiano considerado por moitos dos seus contemporáneos e críticos da actualidade como o máis grande director de orquestra do século XX. Nel estreáronse varias óperas do compositor Verdi.