Noticias

Festas Patronais 2018

O Alcalde, José Tomé, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón, deron a coñecer o programa musical das Festas Patronais 2018, que se celebrarán do 11 ó 16 de agosto. O rexedor destacou que “por vez primeira, haberá un concerto gratuíto cada un dos días de celebración dos festexos; ademais, á hora de deseñar o programa o noso obxectivo era que os músicos de Monforte e da comarca tivesen unha presenza destacada”.

 

Sábado, 11 de agosto

O concerto inaugural das Festas Patronais estará a cargo de BLESET, liderado pola monfortina Sara Burgo, e que actuará na Praza de España. Este grupo presentouse con música electrónica e letras atrevidas que está alcanzando importantes cotas de éxito; mesmo un dos seus temas foi seleccionado para o programa de televisión Fama a bailar. O Alcalde destacou que “queremos ser pioneiros en darlle unha oportunidade nas Festas Patronais da terra que veu nacer a Sara, porque estamos convencidos de que está chamada a xogar un papel relevante no panorama musical español”.

 

Domingo, 12 de agosto

Concerto de CAFÉ QUIJANO. Os irmáns leoneses presentarán o seu último disco La vida no es la la la e farán un percorrido polos seus grandes éxitos. Ese día, tamén actúa a orquestra SOLARA.

 

Luns, 13 de agosto

Concerto de SEGURIDAD SOCIAL e actuación da orquestraTRÉBOL.

 

Martes, 14 de agosto

Esa xornada, haberá dous concertos: por unha parte, LUCÍA PÉREZ e, pola outra, GIN TONI´S. O Alcalde sinalou que “a ese día, queremos darlle unha carga musical da comarca de Lemos, xuntando un artista e un grupo musical que amamos todos os monfortinos”. Coa súa actuación viaxaremos polas versión dos temas do Pop-rock español dende os 80 ata a actualidade, e serán os encargados de pechar as actuacións musicais desa noite.

 

Mércores, 15 de agosto

O día grande das Festas Patronais, actuará en Monforte AMAIA MONTERO, que con 20 anos de carreira musical, volve co álbum Nacidos para creer. A noite do 15 estará amenizada tamén polo GRUPO NEBRASKA.

 

Xoves, 16 de agosto

O peche das Festas estará a cargo de EFECTO PASILLO. Neste caso, o rexedor apuntou que “se trata dun grupo que fai unha música enfocada a un público máis novo, polo que estimamos que con este concerto complementamos o resto de actuacións”. Ademais, o derradeiro día das Festas actuará a orquestra LOS TROVADORES.

 

Concertos gratuítos

José Tomé subliñou que “con este cartel, consideramos que Monforte é a única cidade que conta cun número tan alto de concertos con entrada de balde e con artistas de primeiro nivel. Por iso, esperamos que a programación sexa do agrado dos nosos veciños e tamén do público que decida visitarnos durante eses días”.

 

Por outra parte, o Alcalde indicou que “deseñamos un programa musical cun nivel e unha forza moi altos para todos os días dos festexos, xa que a nosa vontade é rematar ben esta senda que iniciamos en 2016 para recuperar a sona e o prestixio das Festas de Monforte”.

 

As Festas Patronais, un investimento

O rexedor fixo fincapé en que “nós enfocamos o gasto das Festas Patronais como un investimento; porque investir nas Festas Patronais tradúcese nun incremento no número de visitantes a Monforte, e iso ten consecuencias positivas para a economía local, especialmente no comercio e na hostalería, que actúan de motor económico da cidade e da comarca”.

José Tomé explicou que “este ano quixemos darlle un maior pulo á programación, porque estas Festas son as últimas do presente mandato, xa que as Patronais de agosto de 2019, vanse celebrar despois das eleccións municipais”.

O Alcalde dixo tamén que “co traballo que viñemos facendo, as Festas Patronais de Monforte volven ser, de novo, un referente dentro da comarca e volven atraer moito público, o que sen dúbida é beneficioso para a economía local”.