Noticias

A mostra de artesanía Artelemos

O Concello de Monforte acaba de aprobar as bases de participación na 20ª Mostra de artesanía Artelemos. Dende o martes, 29 de maio, ata o 22 de xuño ás 14 horas, os artesáns interesados en participar poderán realizar a solicitude. Este ano o evento vaise celebrar os días 3, 4, 5, 6 e 7 de agosto.

Desta volta haberá un total de 23 casetas; unha delas estará adicada á celebración de obradoiros e información da mostra, e os outros 22 postos restantes serán para a exposición e a venda de produtos artesanais.

O Alcalde, José Tomé, adiantou que “o público que se achegue poderá adquirir produtos moi variados e de diferentes disciplinas artísticas. Haberá orfebrería, cestería, coiro,  lá, olería de Gundivós e cerámica. Outro dos atractivos de Artelemos é que vai ser posible ver en vivo a elaboración das pezas que os propios artesáns realizarán”. Por outra parte, o mandatario local destacou que os máis pequenos da casa van poder participar en diferentes obradoiros.

Os postos abrirán de 11 a 14 horas e tamén en quenda de tarde, de 18 a 23 horas.