Noticias

TEATRO DA RAMBOIA

A compañía TEATRO DA RAMBOIA presenta O MEU MUNDO NON É DESTE REINO obra de Manuel María, dirixida por María Peinado e interpretada por Anxo García e Fran Lareu.

A obra "O meu mundo non é deste reino" é a gañadora do CERTAME MANUEL MARÍA DE PROXECTOS TEATRAIS, proxecto presentado por Teatro da Ramboia e realizado sobre o texto de Manuel María "O meu mundo non é deste reino ou Farsa de Bululú".

Un par de trapeiros chegan a unha parada no seu camiño despois de días de longa viaxe cara á Feira do Vento. Traen consigo unha carga enorme de todo tipo de obxectos estraños: cortinas rimbombantes, paus de todos os tamaños, bolsas das que despuntan teas dunha chea de tecidos e cores distintas, e algo que semella ser unha enorme e aparatosa mochila de madeira. Abraiados ante a abundancia de público, dispóñense a situar as súas pertenzas no espazo con ánimo de venderlle algunha aos alí reunidos. Coma os máis experimentados vendedores de fume, deixan o seu ben máis atesourado para o final; un tutilimundique contén nos seus adentros ao condenado reino de Bululú e os seus habitantes. E así, dáse comezo á farsa.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.

XOVES 14 DE NOVEMBRO DE 2019