Noticias

Concellería de Muller

Monforte de Lemos, 18 de novembro de 2019. O Alcalde do Concello de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, deu a coñecer hoxe os actos que a Concellería de Muller e Igualdade organiza, a través do Centro de Información á Muller (CIM), co gallo do 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. O Alcalde convidou a todos os axentes sociais e económicos do municipio a participar un ano máis na campaña de sensibilización “Monforte, en Negro contra as Violencias. No acto de presentación, o Alcalde estivo acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde do Concello, Gloria Prada, e pola Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López.

 

“Dende o Concello de Monforte, consideramos que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade monfortina que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres. Así, animamos a todos os axentes sociais e económicos do Municipio a implicarse na conmemoración dos diversos actos que organizamos arredor do 25 de novembro”, sinalou Tomé Roca.

 

Coa campaña de “Monforte en negro” dende o Concello proponse a colectivos e empresas vestir de loito a cidade de Monforte, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta a máis dura das súas consecuencias, a morte. Porque estes colectivos e empresas poden ser un gran escaparate dende o que transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: “Queremos un Monforte libre de violencias machistas!

 

Deste xeito, do 18 ao 29 de novembro a mensaxe que se lanza ós colectivos e empresas da cidade é “viste a túa tenda, comercio, empresa, bar, posto do mercado, etc. de negro, viste os manequíns, os manteis do teu restaurante, ou a ti mesmo/a de negro”. Da mesma maneira, dende o Concello, facilitarase material e información para levar a cabo esta campaña do xeito máis eficaz e chamativo: repartirase carteleira por todos os establecementos comerciais e hostaleiros da cidade, e tamén posavasos, manteis de papel, bolsas de tela, chapas e pulseiras entre os distintos axentes sociais e económicos implicados na Campaña. máis información en  http://www.monfortedelemos.es/gl/node/4254.