Noticias

O Concello apoia á hostalería de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou na mañá de hoxe, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, un importante plan de axudas económicas destinadas ós negocios hostaleiros do municipio.

“Hoxe a hostalería de Monforte volve a necesitar do noso apoio, e a través do 2º Plan Reactiva para a Hostalería de Monforte que presentamos asegúrolles que o vai obter deste Equipo de Goberno. Trátase dun plan de axudas directas á hostalería que poñemos en marcha por para impulsar a actividade económica deste sector”, destacou o rexedor municipal.

Deste xeito, o Alcalde comunicou a posta en marcha dunha liña de axudas directas dotada cun total de 200.000 euros, ás que poderán optar todos os negocios de hostalería con domicilio fiscal en Monforte.

Segundo os datos municipais, son 98 establecementos hostaleiros, polo que no caso de que solicitaran todos as axudas, o gasto total sería de 196.000 euros, por iso dende o Concello estableceuse a partida en 200.000 euros.

“Concederemos unha contía fixa de 2.000 euros, ás pequenas empresas, isto é, autónomos e entidades mercantís, con ou sen personalidade xurídica propia, que sexan titulares de establecementos de hostalería, é dicir bares, restaurantes, cafeterías, con domicilio fiscal en Monforte, que estiveran abertos ó público antes do día 1 de xaneiro de 2021” subliñou o rexedor municipal.

Esta nova liña de axudas ven motivada logo de que o Goberno da Xunta de Galicia establecese, mediante a Orde do 26 de xaneiro de 2021 as medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que supuxo, dende o mércores 27 de xaneiro, o peche da hostalería, unha medida que estivo vixente, alomenos durante un mes, en moitas partes de Galicia.

Neste senso, o Alcalde incidiu en que “esta limitación á hostalería por parte do goberno do Sr. Feijóo non veu acompañada nese momento de axudas económicas que, dende o goberno autonómico se lle prometeran a este sector”.

Con estas novas axudas á hostalería dadas a coñecer hoxe, o Alcalde cumpriu o seu compromiso anunciado nos pasados días nos medios de comunicación, unhas axudas que teñen por obxectivo paliar os prexuízos que este peche, supuxo para os hostaleiros monfortinos.

 

MAIS INFORMACION NA WEB DO CONCELLO MONFORTEDELEMOS.ES