Noticias

2º Plan Reactiva para a hostalería

Monforte de Lemos, 14 de abril de 2021. O Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP) ven de publicar as as bases do 2º Plan Reactiva para a Hostalería de Monforte, polo que dende mañá e ata o venres 14 de maio, as empresas de hostalería monfortinas poderán solicitar as axudas nel destinadas.

O pasado mércores 31 de marzo, o rexedor municipal dera a coñecer posta en marcha desta liña de axudas directas á hostalería monfortina, dotada cun total de 200.000 euros, ás que poderán optar todos os negocios de hostalería con domicilio fiscal en Monforte.

Segundo os datos municipais, son 98 establecementos hostaleiros, polo que no caso de que solicitaran todos as axudas, o gasto total sería de 196.000 euros, por iso dende o Concello estableceuse a partida en 200.000 euros.

“Concederemos unha contía fixa de 2.000 euros, ás pequenas empresas, isto é, autónomos e entidades mercantís, con ou sen personalidade xurídica propia, que sexan titulares de establecementos de hostalería, é dicir bares, restaurantes, cafeterías, con domicilio fiscal en Monforte, que estiveran abertos ó público antes do día 1 de xaneiro de 2021” subliñou o rexedor municipal, na presentación destas axudas.

Unha vez aprobadas as bases pola Xunta de Goberno municipal e publicadas no BOP, o prazo de presentación de solicitudes para estas axudas directas á hostalería será de trinta días naturais, é dicir, dende mañá xoves 15 de abril e ata o venres 14 de maio ambos incluídos.

​O Concello de Monforte simplifica ó máximo os requisitos para ter dereito ás axudas, tendo que presentar os interesados soamente un único impreso de solicitude normalizado, no que se inclúe a petición da axuda e a declaración responsable do demandante.

Esta nova liña de axudas ven motivada logo de que o Goberno da Xunta de Galicia establecese, mediante a Orde do 26 de xaneiro de 2021 as medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que supuxo, dende o mércores 27 de xaneiro, o peche da hostalería, unha medida que estivo vixente, alomenos durante un mes, en moitas partes de Galicia. Polo tanto, estas axudas que teñen por obxectivo paliar os prexuízos que este peche, supuxo para os hostaleiros monfortinos.

Máis infirmación na web do concello http://www.monfortedelemos.es/