NOTICIAS Terra de Lemos

O CONCELLO DE SOBER ABRE UNHA AULA DE INFORMÁTICA E UNHA MULTIMEDIA NAS QUE IMPARTIR FORMACIÓN E DESENVOLVER ACTIVIDADES LÚDICAS

O Goberno local do Concello de Sober abriu este luns unha aula de informática e unha multimedia nas que impartirá a partir de hoxe mesmo formación e desenvolverá diferentes actividades lúdicas pensadas tanto para adultos como para nenos e nenas. Esta mesma tarde está previsto un obradoiro para nenos e nenas de máis de sete anos sobre ‘Scratch’.

 

 

A aula de informática, emprazada no Centro Sociocultural, dispón de dez postos para alumnos e alumnas, un equipo para o docente, impresora e proxector. Está previsto desenvolver obradoiros de informática para nenos todos os venres a partir das 16:30 horas. As actividades, de carácter gratuíto, estarán relacionadas coa tecnoloxía e informática.

 

Estase traballando para que os rapaces xestionen eles mesmos un blog, que irán actualizando coas actividades que realicen nos obradoiros.

 

Tamén está previsto que se impartan cursos de formación para adultos (informática básica, Internet, redes sociais, smartphone, etc...), así como faladoiros tecnolóxicos tanto para nenos como para adultos.

 

A Aula Multimedia está equipada con 2 televisores, un de eles integrado con un sistema de teatro na casa e dúas consolas de videoxogos. As actividades programadas teñen que ver coa visualización de documentais, películas, así como xornadas de cine e xogo para nenos e nenas.

 

 

 

Adhesión ao Plan de Inclusión Dixital de Galicia

 

O alcalde, Luis Fernández Guitián, explica que a intención é que dende o Concello de Sober poidamos participar como Aliados Dixitais no Plan de Inclusión Dixital de Galicia deseñado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) . Así, o Goberno local está levando a cabo os trámites necesarios para establecer estas liñas de colaboración entre o Concello e AMTEGA de forma que se poidan realizar actividades de formación, actividades de difusión e sensibilización coas novas tecnoloxías, entre outras.

 

O que se pretende con esta adhesión como Aliado Dixital é, segundo precisa o rexedor "a mellora dixital a nivel local para proporcionar á cidadanía as aptitudes dixitais que lles permitan facer pleno uso das tecnoloxías para aumentar a súa empregabilidade e favorecer a súa inserción social".

 

 

 

Horario 

 

O horario da aula de informática e da multimedia será de martes a venres de 10:00 a 13:00 horas polas mañás. Polas tardes, martes e mércores de 16:00 a 19:00 horas e os venres de 16:00 a 18:00 horas.

 

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies. Más información