NOTICIAS Terra de Lemos

AS MERENDAS CON CONTOS CONTINÚAN OS VINDEIROS MESES CUNHA EXTENSA PROGRAMACIÓN CULTURAL

O programa de animación á lectura ‘Merendas con Contos’, desenvolvido todos venres na Biblioteca Municipal do Concello de Sober en horario de 17:30 a 19:00 horas, continúa cunha extensa programación cultural para os vindeiros meses.

En abril será o Mes dos Libros e os nenos e nenas pasarano en grande con actividades de todo tipo destinadas a fomentar a lectura. Este venres, día 7, dará comezo a actividade do Día do Libro deste ano, que se chamará ‘A volta ó mundo en 80 libros’. Partindo desta novela do escritor francés Julio Verne os máis pequenos elaborarán un mapamundi que levará tarxetas con títulos e autores de todos os países do mundo, seguindo a ruta marcada por Julio Verne.

O venres 21 as Merendas con Contos conmemorarán o Día do Libro, que se celebra o 23 de abril. Haberá unha exposición sobre a actividade ‘A volta o mundo en 80 libros’ e outra sobre o escritor Julio Verne. Organizarase ademais a 5ª edición do Mercadillo de Libros e un Bookcrossing, no que se liberarán libros no parque infantil. Ademais, o sábado 22, a Biblioteca conmemorará tamén o Día do Libro coa actividade ‘Un libro un agasallo’, na que durante toda a mañá as persoas que se acheguen á Biblioteca poden levar un libro de regalo.

O último venres de mes, día 28 de abril, os nenos e nenas asistirán a un concerto de solistas da Escola Municipal de Música de Sober que se celebrará ás 18:00 horas no Salón de Actos do Centro Sociocultural.

Maio, Mes das Letras

No mes de Maio as Merendas con Contos estarán dedicadas ás letras e as actividades estarán destinadas a que os máis pequenos de Sober coñezan a Carlos Casares, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

Deste xeito o primeiro venres do mes, 5 de maio, os cativos pasarano en grande co contacontos ‘A galiña azul e compañía’, de Cristina Vázquez Santos, actividade enmarcada no Programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia. O seguinte venres, día 12, participarán nun obradoiro de informática no que aprenderán a facer o conto de Carlos Casares “Lolo anda en bicicleta” co programa Playcomic.

 O 19 de maio celebrarase unha actividade especial de simbiose entre a literatura e a música. Así os rapaces unirán a lectura da biografía e obra de Carlos Casares coa música interpretada polos alumnos da Escola Municipal de Música de Sober.

O último venres de mes, 26 de maio, as Merendas acollerán unha tarde dedicada ao cine.

Certame de narración e debuxo infantil: ‘O Mundo que queremos’

Como en edicións pasadas a Biblioteca de Sober participará, en colaboración coa Biblioteca Nodal de Lugo, no certame de narración e debuxo infantil das letras Galegas que este ano leva por nome ‘O mundo que queremos’. Os traballos entregaranse na Biblioteca de Sober ata o día 8 de maio e os premios repartiranse o día 2 de xuño.

Xuño, repleto de actividades

O mes de xuño chega tamén repleto de actividades ás Merendas con Contos. O primeiro venres de mes, día 2, os nenos e nenas desfrutarán dunha representación Teatral pola Escola Municipal de Teatro de Sober. Ademais o día 7 participarán na actividade ‘Ler a nosa Bd’, unha viaxe pola historia e os autores da Banda Deseñada Galega.

O 14 de xuño os máis pequenos asistirán a un concerto de Xoan Curiel: ‘Ao Encontro de Martín Códax’. A actividade levarase a cabo ás 19:30 horas no Salón de Actos do Centro Sociocultural e está enmarcada dentro do programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia.

E o domingo 18 de xuño os cativos asistirán ao concerto de fin de curso da Escola Municipal de Música de Sober.

O alcalde do Concello soberino, Luis Fernández Guitián, puxo en valor esta exitosa iniciativa das Merendas con Contos que ten como finalidade “ofrecer un espazo lúdico e cultural para que os nosos nenos e nenas se familiaricen coa biblioteca e coa lectura” e animou a todos os soberinos e soberinas a que leven aos seus fillos e fillas a participar diversas actividades que se organizan.

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies. Más información