Noticias

Festival do Viño

A segunda edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra vaise celebrar os días 6, 7 e 8 de xullo no Paseo do Malecón, á beira do río Cabe.O Alcalde, José Tomé, e o Presidente do Consello Regulador da D.O., José Manuel Rodríguez, presentaron os detalles do evento, no que van participar 24 adegas. Por outra parte, a programación do Festival do Viño terá espazo para a gastronomía, a artesanía, os obradoiros, o turismo e a música.

O mandatario local explicou que “este Festival naceu o pasado ano coa vontade de permanecer no tempo, ben articulado, para que cando Tomé deixe de ser Alcalde, ou que cando José Manuel deixe de ser Presidente da D.O., o evento teña a continuidade asegurada”. O rexedor engadiu que “a idea era facer un Festival que promocione conxuntamente os viños e as adegas das cinco subzonas da Denominación de Orixe, celebrando unha especie de fin de curso todos xuntos”.

Pola súa parte, o Presidente do Consello Regulador, José Manuel Rodríguez, destacou que “a Denominación de Orixe xa superou as vodas de prata e existía unha sensibilidade para celebrar en Monforte, capital da Ribeira Sacra, un evento destas características, pero iso si, tendo en conta que a nosa comarca é moito máis que viño”. O Presidente do Consello Regulador aproveitou o acto para destacar “a boa sintonía co sector vitivinícola para conseguir que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade”.

O cartel promocional do Festival do Viño será o mesmo que o que se empregou na primeira edición: “cando falamos da organización do Festival, coincidimos en que debíamos manter o mesmo cartel, porque ademais de ser bonito, representa unha idea de marca e permite manter unha identidade do Festival que nos parece axeitada”, detallou José Tomé, “grazas á colaboración de todos, a idea foi un éxito, a pesar de que era e primeira vez, e que como todo, necesita un tempo para consolidarse”.

 Ribeira Sacra, referente no mundo do viño

Durante a presentación do Festival, o Alcalde sinalou que “hoxe a Ribeira Sacra é xa un referente no mundo do viño, polo que temos que seguir traballando para lograr e manter a excelencia dos nosos caldos e sentirnos orgullosos do traballo que se leva feito”.

 

José Tomé manifestou que “o sector vitivinícola é clave para nós, serve de motor para a economía de Monforte e de toda a Ribeira Sacra. Todo isto víñemolo facendo sabendo compaxinar a tradición da viticultura en bancais coa innovación tecnolóxica”.

 Actuacións musicais

Os catro concertos programados terán como escenario a Praza de España.

 Venres, 6 de xullo

•   22:30 horas, Najla Shami

•   00 horas, Sons do Douro

 Sábado, 7 de xullo

  • 22.30 horas, Davide Salvado e Pedro Pascual
  • 00 horas, A banda da Loba